
Bastante antes da campaña electoral -nesa precampaña que dura meses-, o Feijoo prometera a derogación do famoso decreto do uso do galego na ensinanza -un mínimo de 50% de clases en galego, un máximo de 50% de clases en castelán-. Daquela dicía que ía ser unha das medidas a tomar nos cen primeiros días de xestión á fronte da Xunta, aínda que recoñecía que o tema económico e da austeridade ían primar.
O que ocorreu tras gaña-las eleccións é ben coñecido: o decreto pode tardar. Entroutras cousas, penso eu, porque haberá que esperar ó curso que vén calquera reforma que afecte ó día a día das clases. Cousa lóxica: non podes trocar horarios e a organización da xornada lectiva no medio dun curso académico.
A partir de aquí, as voces que critican a Feijoo e que o poñen de mentireiro para arriba non fan máis que medrar. Moitas delas alén dos Ancares, pero non por iso menos respetables. O caso é que fronte á inmediatez de querer as cousas "para mañán sen falla", impónse os tempos da res burocrática. Non sei se os que critican ó Feijoo están ó tanto de todo. Persoalmente chéirame un pouco que alá onde se lle chama a atención a Feijoo por mentireiro, falcatruán e furabolos, déixanse certos mensaxes, comentarios en plan "ó PP xa non hai que votalo nunca máis", "a alternativa é votar ó xenro de Blas Piñar", "non, é mellor votar ó cego". Iso pola dereita.
Pero é que pola esquerda orgánica nacionalista máis carca, ¡fanlle manifestacións!
Cando a un lle critican por un lado e polo outro por motivos antagónicos, polo menos neste país, é que algo está a facer ben.
Lerias aparte, o único que se lle pode reprochar en materia lingüística polo de agora ó Feijoo é elixir a un nacionalsocialista para que leve os asuntos de política lingüística. Nese aspecto o que eu faría sería sinxelamente borrar ese posto e todo o que teña que ver coa política lingüística. Seriously, ¿para que queremos política lingüística? Que a xente fale o que lle pete. ¡Ai, pero para iso teríamos que cargarnos a educación pública e a ver quen ten narices!
Galeguismo
A toda esta polémica alentada dende babor e estribor súmanse as declaracións do conselleiro de Cultura (¿para que carallo necesitamos consellería de cultura?) e as do propio Feijoo, nas que se recupera o discurso do galeguismo. Era previsible que tanto dende babor (¡Feijoo aprópiase de algo que semella o noso discurso!), como de estribor (¡Feijoo é peor que o Bloque!), saíra moita xente alporizada a facerse o hara-kiri polas rúas.
Imos ver rapaces, ¿dende cando o PP de Galicia non é galeguista? ¿Coñecedes como se formou o PP de Galicia? ¿Sabedes cantos partidos galeguistas fagocitou dende hai vintecinco anos? O discurso conservador galego, sempre foi da mán do galeguismo. Un galeguismo que non se pode confundir co nacionalismo galego. O galeguismo é unha tendencia cultural e política que non separa de España. É a defensa dunha cultura galega situada no mundo, unha cultura universal como outras, que forma parte da hispanidade, do mundo hispánico, e que tende os seus fins políticos a mellora-las condicións socioeconómicas da terra. O galeguismo non é que sexa un corpus ideolóxico cerrado. Evolucionou, e hoxe en día abundan os que o confunden cun rexionalismo desnatado ou directamente co nacionalismo galego que é de corte marxista e polo tanto a cousa menos galega que te podes botar á cara.
Cando Risco falaba da "esenza da raza" e o "sentimento relixioso da terra", ¿que ten que ver iso coa fundación da UPG nos sesenta ó son da Internacional? ¿É que ninguén reparou en que a terra coa maior taxa de minifundismo probablemente de toda Europa non pode asentar de xeito estable unha ideoloxía pétrea como a marxista do BNG? O nacionalismo galego é un espexismo. O que sí se asenta de forma permanente é a ligazón do pobo coa terra. Porque a leira, a chalupa ou a sombra do carballo baixo o que merendabas de neno, son as patrias verdadeiras do galego. A cociña, as filloas e a aldea ó redor da parroquia de pedra, son a patria. Non unha rexión do mapa, non. Non me refiro a patria política, senón á espiritual. A patria política é a española, que non debemos esquecer que España na historia preséntase como un imperio creador dentro do que sempre houbo diferentes pobos. Non se pode entender o tradicionalismo galego sen entender a España.
Esa tradición só a pode recoller un pensamento conservador. E a organización política conservadora (algo conservadora) que hai en Galicia é o PPdeG. Así que é o máis lóxico do mundo que esa cultura, esa conexión co pasado, con Murguía, Brañas, Risco, Otero Pedrayo incluso, esté hoxe presente nun galeguismo que defende só un partido. O PSOE intentouno e cagouna ó aliarse cos nacionalistas. O PSdeG a día de hoxe carece de bagaxe cultural ligado á historia para crear ideoloxía e programa. Mesmo nun debate de LDTV que vin hau pouco Mario Noya dicía que Fraga fora como Pujol e que sentara as bases de que hoxe en Galicia haxa galegusimo no PP, etc. É falso. Fraga é un conservador galego e polo tanto asumiu o discurso galeguista que vense dando dende hai máis dun século.
A quen lle colla de novas o discurso galeguista do PP é que non coñece o conto. ¿Arrepentirse agora de votarlles? Oes, pois tiñas que saber que estabas a votar. A culpa non é do PPdeG, a culpa é túa.
¡Oh, qué raro soy!
2 comentarios:
¿Seguro que se dice narices y no fuciños?
Mi esperanza para tener otro Papa gallego ya no está en el señor de la foto, sino en su sobrino
¿era su sobrino?
Narices también vale, que lo miré.
Sí, el sobrino sigue el negocio del tío, la que se ha descarriado es la sobrina de Rouco, que apareció en Interviú.
Publicar un comentario